De Hastings a Mondoñedo: o pano de Edith Swanehals

The following two tabs change content below.

Carlos Lixó Gómez

Carreira - A Coruña, 1991. Soy graduado en Historia por la Universidade de Santiago de Compostela y deseo convertirme en un entusiasta profesor de secundaria algún día. Mientras tanto, sobrevivo como becario investigando sobre los castillos en la Galicia medieval y, cuando puedo, sobre toponimia. El tiempo libre lo invierto en mi compañía de danza, Aires de Dorna: ¡si no puedo bailar, no es mi revolución!

[Accede al texto en español aquí]

As primeiras palabras que lin neste blog, ao que cheguei por interese medievalista, non foron tiradas da obra clave de ningún historiador canónico nin das declaracións dun teólogo milenarista, senón do meu compatriota Álvaro Cunqueiro, escritor fundamental da Galiza do século XX e destacado no panorama literario internacional. Non vou dicir que ficara sorprendido coa áxil utilización da literatura desde a historia, non é nada novo: as humanidades aliméntanse unhas das outras para enriqueceren o saber e a produción historiográfica sostense ineludibelmente nas palabras que lle dan forma. Mais si fiquei satisfeito. Dalgunha maneira, o xiro lingüístico nos anos oitenta supuxo, consciente ou inconscientemente, cos seus acertos e erros, cos seus excesos e carencias, un acto de reafirmación neste sentido e unha mostra de autoestima dos historiadores como creadores da linguaxe, como creadores de discursos. As novelas históricas ou a fantasía medieval mostran do outro lado que a creación gusta á súa vez de chuchar da historia.

Foi tamén vía Cunqueiro como tiven coñecemento por primeira vez da batalla de Hastings, de modo que no momento de cursar Historia Medieval II xa tiña ben marcado no meu calendario persoal a data de 1066. O enfrontamento entre os aspirantes ao reino de Inglaterra, o recentemente coroado Harold Godwinson e o duque normando Guillerme, remataría coa vitoria deste último, desde aquel momento alcumado O Conquistador, e fixaría a Harold como o derradeiro monarca saxón dos anais das Illas Británicas.

No instante exacto do recoñecemento do corpo inerte de Harold no campo de batalla centra o poeta un dos seus máis evocadores textos, titulado precisamente así, Recoñecemento de Harold Godwinson:

Unha noite de cinza caíu sobor da terra,
as lanternas andaban soas por entre os mortos
e nas feridas do máis ferido de todos
Edith Swanehals poñía a luz violeta dos seus ollos
por se aquel era Harold fillo de Godwin
que ela amara tanto.
E aquel mesmo era
a boca pola que saía un fío de sangue
pousada na boca terrea dunha toupeira.

Viña de lonxe o canto da mar. Edith sentouse
a carón do morto
e cun fío branco que tirou dos seus soñares
comezou a tecer un pequeno pano
pra tapar os ollos do Rei.

Escoitábase a mar, e mailas follas secas do bosque
aremuiñando nos camiños entre os outeiros.
A derradeira caricia de Edith foi aquel calado tecer
perto do morto, e cando saía a lúa
mesturou fíos azúes da luz da viaxeira cos seus
—as agullas iban e viñan en silencio
as mans movéndose coma quen anaina un neno
asegurándose de que aquel morto era Harold
o mirar violeta de Edith adentrábase máis e máis
nas escuras feridas,
recoñecendo o sangue do amante, e maila morte.
Así foi que Edith xa estaba cega
cando lle preguntaron quén
entre aquelas sesenta ducias de mortos
era Harold
—este, dixo sinalando, a tentas,
que facía cantar os reiseñores nas noites de verán
cando me bicaba e me decía
—Swanehals, Colo de Cisne, envelleceremos xuntos
pro ti máis lentamente.

Álvaro Cunqueiro (1991)

Hastings é un fito da historia medieval europea por dous motivos. Primeiro, porque é un perfecto exemplo de transición cara á plenitude medieval, cara ao feudalismo entendido nesta ocasión (e de xeito complementario a calquera outra definición que decida dárselle) como a estrutura política que organiza a formación social a todos os seus niveis arredor dos séculos XI-XIII. Ilústrase ese momento intermedio, que tamén o é no eido militar, co enfrontamento de dous exércitos de dimensións semellantes, con propósitos semellantes, porén radicalmente descompensados: un servido de milicianos e campesiños e o outro de cabaleiros, arqueiros e unha sofisticada estratexia. Os vellos tempos contra os novos.

E segundo, porque aí arrancan as fortísimas vinculacións da Gran Bretaña coa Francia que definirían por séculos as relacións políticas na Europa occidental, como ben se manifesta de forma especialmente rechamante na Guerra dos Cen Anos (que foi algo máis que unha guerra convencional e que durou, en realidade, cento dezaseis). Con Hastings tivo lugar o fin dunha monarquía sostida na nobreza local, pois canda o monarca chegou desde o continente unha nova elite que substituíu a autóctona e que remodelou por completo as relacións de poder na illa. O rei William primou sempre a súa posición de duque de Normandía sobre a de monarca de Inglaterra.

Ademais de por erixiren novos e numerosos castelos por todo o territorio inglés, os novos aristócratas normandos caracterizáronse pola súa escasa intención de se mesturaren ou adaptaren aos anglosaxóns, importando canda si as súas normas, usos e costumes. Entre eles tamén o máis fácil de transportar, o idioma, unha fusión de dialectos de oïl que co paso do tempo se remataría por constituír en anglonormando, é dicir, na variedade do francés medieval na Gran Bretaña. Mentres o groso da poboación falaba inglés antigo e diferentes variantes célticas, o anglonormando estabeleceuse como a lingua do prestixio, utilizada para todos os usos formais agás aqueles reservados aínda ao latín.

Tapisserie de Bayeux - Scène 57 : La mort d'Harold

Escena do Tapiz de Bayeaux (S. XI) que representa a morte do rei Harold. Pódese ler, en latín, «Harold rex interfectus est». Fonte: Wikimedia.

Inglaterra converteuse entón nunha sociedade estamentalmente diglósica séculos antes de que en 1250 chegasen de man de Fernando III as primeiras palabras en castelán a Santiago de Compostela. En Mondoñedo, a cidade medieval e sede episcopal que sería o berce do propio Cunqueiro e que, apenas medio século despois da batalla, en 1112, tivo de ser trasladada da costa até a súa ubicación actual para fuxir dos ataques duns outros normandos, a situación lingüística era ben diferente da británica. Alí, o romance peninsular occidental, o galego-portugués, era a lingua hexemónica, coma no resto de Galiza, tanto nas máis altas casas señoriais coma na máis pobre das campesiñas. No ámbito da escrita consérvase o primeiro documento en galego-portugués a finais do século XII e só ben avanzado o XV deixa de ser maioritario, após legar unha interesantísima produción literaria, especialmente no campo da lírica.

Tamén en Mondoñedo, xusto diante da catedral, foi axustizado en 1483 o mariscal Pardo de Cela pola súa má relación cos Reis Católicos, feito que aproveitaron os románticos como lendaria efeméride do sometemento de Galiza a Castela e que foi, como boa efeméride dun sistema cultural non hexemónico, centro de intensas críticas e interminábeis debates. Cando no XVI o galego, a variante norte do galego-portugués, estaba xa proscrito e afastado de calquera uso oficial, Henrique VIII de Inglaterra restituía o inglés como lingua da corte e consecuentemente do poder e da esfera pública.

Cunqueiro_en_Mondoñedo

Estatua de Cunqueiro ollando a Catedral de Mondoñedo. Fonte: Wikimedia.

As linguas son e foron instrumentos de poder, e a día de hoxe actúan ademais como dispositivos de riqueza. De facto, na actual configuración mundial, só funcionan como idiomas de pleno dereito aquelas variantes que dispoñen de institucións fortes que as xestionen e que garantan a súa rendibilidade económica. Por pór un caso, a supremacía da industria cultural norteamericana sería difícil de imaxinar sen termos en conta até que punto o inglés se utiliza como ferramenta.

Mais as linguas son tamén, tomando as palabras doutro poeta universal, Manuel María, as chaves coas que abrimos o mundo. Por mor da literatura Hastings chegou a min en galego, e non no idioma universal dos nosos tempos no cal, ademais, falaban boa parte dos derrotados na ofensiva. No meu imaxinario persoal, no cerne do que para min como suxeito significa esa contenda, a imaxe de ferro e berros átase inevitabelmente á mirada violeta de Edith Swanehals, mesmo sendo moi probábel que os seus ollos nunca se pousasen no seu amado morto no medio do campo de batalla. O match point no que se marcaría o rumbo dos seguintes cinco séculos de historia medieval británica teceuse para min como o pano que Edith teceu, co fío dos seus soñares, para tapar os ollos de Harold.

E é que a pesar do proceso de globalización e de homoxeneización cultural, é importante ter presente que a convivencia cultural e as identidades múltiplas son aínda hoxe as situacións maioritarias no mundo. A progresiva desaparición desa diversidade lingüística é unha enorme perda para a humanidade, e temos de ser quen de o sinalar, da mesma maneira que progresivamente como sociedade fomos quen de sinalar (con mellores ou peores resultados) o problema da perda da diversidade biolóxica do planeta. A profesora e escritora Teresa Moure defendeu que igual que a diversidade de organismos garante a vida, a diversidade de linguas garante a noción de linguaxe e a multiplicidade dos discursos:

Supoñamos que os zoólogos pretendesen obter coñecemento sobre as especies animais que poboan a Terra e para iso se propuxesen estudar anatomía, patoloxía animal, etoloxía animal e cousas semellantes pero só interesados por cans, gatos, galiñas e moscas. Os leóns serían “unha especie de can exótico” e os araos unicamente aparecerían citados en publicacións especializadas e agrupados como tipos de galiñas que, a fin de contas, son moito máis numerosas. Aínda que todos os especialistas terían que coincidir en non mirar nunca para determinado sitio, aboiaría entre estes zoólogos a idea vaga de que todos os animais ofrecen idéntico interese para o estudo.

Teresa Moure (2003)

O Recoñecemento de Harold Godwinson fala en contra do determinismo, fala en contra de Fukuyama e dinos que a historia non está acabada, que mentres fiquen dous pés na terra os procesos que moven as comunidades humanas non rematan. Do mesmo xeito que hoxe o neoliberalismo, a democracia burguesa, o pensamento monolítico e lingua única semellan presente en construción e futuro certo, a historia axúdanos a recordar que o inglés foi unha lingua minorada cando o galego o falaban os reis. Quen ía dicir, dando unha voltiña pola Europa do século XIII, que a fala dos campesiños ingleses sería hoxe a lingua de poder mundial!

Coa literatura, así como co xornalismo ou o cinema, podemos lembrar e crear, até denunciar. No entanto, a función dos historiadores é ordenar, é tramar, é ofrecer posibilidades explicativas, é achegar interpretacións sólidas que dun punto de vista ético sexan aproveitábeis para a sociedade que nos alimenta. Os historiadores debemos identificar os mecanismos de poder que organizan o mundo mais tamén, como creadores de discursos, debemos tomar parte.

 


Cunqueiro, Álvaro (1991): Herba aquí ou acolá. Vigo: Galaxia.
Moure, Teresa (2003): «A batalla das linguas no mundo actual. Multilingüismo e antiglobalización». Revista Grial, 106, pp. 19-29.

Carlos Lixó Gómez

Carreira - A Coruña, 1991. Soy graduado en Historia por la Universidade de Santiago de Compostela y deseo convertirme en un entusiasta profesor de secundaria algún día. Mientras tanto, sobrevivo como becario investigando sobre los castillos en la Galicia medieval y, cuando puedo, sobre toponimia. El tiempo libre lo invierto en mi compañía de danza, Aires de Dorna: ¡si no puedo bailar, no es mi revolución!
Posted in Historia Medieval. Tagged with , , , .

One Response

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.